Na sociedade actual, “vellez” é case unha palabra proibida ou cando menos indesexada. O medo á morte, á enfermidade e a menor rendablidade económica desta etapa da vida, son algunhas das causas. Se botamos unha ollada á historia e á xeografía, veremos que o concepto de ancianidade non foi sempre o mesmo: nas culturas de oriente a vellez era manifestamente alabada, algunhas tribus indias ainda manteñen institucións basadas nos consellos de anciáns e na nosa cultura tradicional os avós e avoas tiñan un papel importante e eran tratados con grande respeto. Por isto, son poucos os esforzos por “dignificar” unha etapa da vida na que, a pesar de que as perdas son máis evidentes, manter unha boa calidade de vida e desfrutar das virtudes adquiridas debe ser máis do que é posíbel.
¿Cal é o papel da fisioterapia?
Na actualidade, é frecuente escoitar aos nosos maiores queixarse de que ao consultar ao seu médico sobre pequenos males, son respondidos con que é “o normal da idade” . Moitas das veces, isto é verdade só en parte. No caso das afeccións osteoarticulares, por exemplo, é evidente que o paso dos anos non é en balde e deixa tamén pegada nas articulacións, en forma da tan popular artrose, que comeza na idade adulta e vai progresando no tempo.
O que non sempre é certo é que eses síntomas non teñan solución, ou que esta sexa apenas sintomática durante unhas horas coa toma de analxésicos e antiinflamatorios, non exentos de efectos secundarios. Nestes casos, un tratamento físico adecuado e breves nocións sobre ergonomía postural (cómo levantar pesos, posturas correctas para dormir, sentarse…), exercícios terapéuticos personalizados ou unhas pautas para a práctica de deportes adecuados á idade (como camiñar, ximnásia en grupo, natación) poden ser de grande axuda para a súa prevención ou tratamento.
Outras afeccións frecuentes nesta etapa como as doenzas respiratorias (bronquites, asma), as caídas, os ACV’s, o Parkinson, o Alzheimer, ou a incontinencia urinaria, teñen resposta na fisioterapia, que, nas súas múltiples vertentes e especialidades, constitúe unha alternativa eficaz na súa prevención e tratamento. Moitos destes procesos poden evitarse, revertirse ou aliviarse cunha adecuada intervención, coa vantaxe engadida de ser técnicas totalmente inocuas.
No caso das persoas dependentes, a actuación da/o fisioterapeuta tórnase case imprescindíbel, na medida en que axuda a manter no posibel a autonomía física, mermando o deterioro e incluso mellorando as capacidades. E non debemos esquecer ás coidadoras e coidadores, afectadas con frecuencia de dores de costas, estrés… e que necesitan tanta axuda como os propios maiores. Elas tamén poden atopar en nós unha man amiga para resolver parte dos seus problemas.
En definitiva, que a vellez non é sinónimo de enfermidade, ainda que moitas veces vaian xuntas. A medicina (entendida no sentido máis amplo) xunto coa tecnoloxía, poñen á nosa disposición multitude de recursos para manter unha boa calidade de vida a pesar de que os cabelos brancos asomen á nosa cabeza e as enrugas se fagan omnipresentes na pel.
Consellos prácticos para manter a saúde…
– Camiñe ó redor 20-30 minutos seguidos ao día (ou ao menos 5 días á semana), a un ritmo moderado, isto é que lle permita falar pero non así cantar, e que note o suor ao pouco tempo de iniciar a actividade. Teña en conta comezar de forma progresiva.
– Aliméntese de forma correcta e equilibrada: coma moitas frutas e verduras, evite o exceso de carnes e lácteos na dieta (non máis de 3 veces por semana cada un dos grupos), opte polos alimentos integrais (pan, pastas, arroz…).
– Evite os elementos metálicos no seu colchón, así como os aparellos eléctricos na habitación, xa que crean campos electromagnéticos que favorecen as doenzas reumáticas.
– Séntese ben, achegando a pelvis e as costas ao respaldo da cadeira e se está no sofá, coloque un pequeno coxín na zona lumbar.
– Procure non estar mais de 30 minutos seguidos ollando cara abaixo (cosendo, pasando o ferro, lendo…), ou cara arriba (limpando cristais, extendendo a roupa, podando unha árbore…). Distribúa a actividade ao longo do día a ser posibel.
– Realice algunha actividade en grupo (ximnasia, camiñatas, danza …)